A data de celebración da XII FEIRA MONOGRÁFICA DA RAZA RUBIA GALEGA é o domingo 15 de abril. Non hai unha data fixa, elíxese sempre o día 15 (por ser tódo-los meses o mercado no lugar de Río) que coincida en fin de semana. O ano pasado celebrouse o sábado, tamén, día 15 de abril (xa se ten celebrado o 15 de agosto).
A esta exposición-concurso acoden unha media de 100 animais (por razóns de capacidade do recinto feiral). A presencia dos exemplares realízase en base aos resultados das probas de saneamento que se realizan 40 días antes da feira e logo por selección previa dos veterinarios de A.C.R.U.G.A. (Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega).
Á selección das reses no concello de Rodeiro procedeuse este mércores pasado. E, o luns está previsto que se comunique o resultado das probas de saneamento os titulares das explotacións.
Deste xeito consíguese que a calidade dos animais alí presentados sexa a alta e así evítase, na medida do posible, que acudan á feira outro tipo de gando que non corresponde cas características da raza.
O día propio da exposición-concurso o Concello organiza a recollida dos animais a través de vehículos debidamente autorizados, aínda que a maioría achéganse a pé.
Este luns os operarios do concello comenzarán cas labouras de acondicionamento do recinto feiral, básicamente consistentes na limpeza e desinfección.
O mesmo día do concurso será un xurado o que dictaminará cales son as reses que pola súa calidade merecen un recoñecemento extra que se transforma nun premio en metálico. Así as categorías e o montante económico habilitados ao efecto son:
-Menos de 2 anos: 1º clasificado:180 euros ; 2º: 150 euros ; 3º: 120 euros ;4º:90 euros ; 5º:60 euros
-De 2 a 5 anos:1º clasificado:180 euros ; 2º: 150 euros ; 3º: 120 euros ;4º:90 euros ; 5º:60 euros
-Maiores de 5 anos:1º clasificado:180 euros ; 2º: 150 euros ; 3º: 120 euros ;4º:90 euros ; 5º:60 euros
-A maiores, pola presenza de cada animal o Concello de Rodeiro gratifica con 15 euros ao seu titular
Unha vez que rematado o concurso e entrega de premios darase paso á degustación de carne da raza exaltada para tódolos que se acheguen a Río, ven sexa á feira ou facer as compras pertinentes como outro día de mercado.
É digna de mención a colaboración prestada polas empresas e entidades financieiras, pois donan os trofeos que se outorgan a cada premiado.
O orzamento total da feira é de 11.000 euros.
Con este evento preténdese aumentar a rendibilidade, básicamente, das explotacións gandeiras do noso concello adicadas á cría da vaca rubia galega, así como da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.