Skip to main content

Rodeiro, hoxe vila puxante e centro da terra de Camba é a capital do concello. A vila naceu ao amparo dunha antiga fortaleza medieval da que perduran restos. A “Casa-forte de Rodeiro” menciónase no testamento de Andrés Sánchez de Gres no século XIV, a quen lle fora legada polo seu tío Alfonso Sánchez, coa condición de formar vínculo con ela.

A primeira mención coñecida de Terra de Camba data do ano 832, data na que o rei Alfonso II o Casto concedeu a San Salvador de Oviedo varias igrexas nesta comarca, a efectos de pagar o censo eclesiástico, pero continuando baixo a autoridade do bispado de Lugo.

En 1345, esta fortaleza foi vendida xunto con outras propiedades que dona Maior Vázquez de Rodeiro, esposa de Alonso Suárez de Deza “Churruchao”, recibira do seu pai Vasco de Rodeiro, e que foran concedidas polos reis Sancho e Fernando III, chegando aos nosos días escasos restos daquela construcción, que poden verse na Casa do Arcebispo ou “do Paraíso”, que a primeiros de século era ocupada como vivenda polos meiriños. Fora o máis importante baluarte da mitra compostelana na comarca, logo de ser confiscada aos Churruchaos.

O municipio estaba atravesado por dúas antigas vías de comunicación. Estes vellos camiños, transformados en “reais” cruzaban a terra de Camba de sur a norte. Un deles entraba pola parroquia de Arnego e seguía por Ponte Armucela, Auga Levada, Mariñaos, Bardeás, Riobó, Rodeiro, Río, San Salvador, Mesón do Toxo, Salto de Agoela, e por Campos de Chao continuaba ata Monterroso. O outro camiño “real” chegaba procedente do Reino, polo cume da Pena de Francia, continuaba por Costa Branca, adentrábase en Agolada pola Ponte de Turubelo, e seguía por Axiaz e Ventosa.

Co paso dos anos, o camiño “real” que por aquí discorría, converteríase en importante estrada de Oseira a Monterroso por Salto; outra nova vía, de Lalín a Chantada, atravesaba a capital, e prestaría unha grande contribución ao seu desenvolvemento, ata chegar á súa actual expansión. De Rodeiro parten hoxe diversas estradas que enlazan as distintas pistas de acceso que comunican todas as parroquias do municipio.