Son moitas as mostras de solidariedade que se ven estes dias, pero hai que chamar a prudencia, a coordinación e a canalización das axudas a través das canles oficiais.
Dende o Concello de Rodeiro estamos en contacto continuo tanto coa FEGAMP como co Fondo Galego de cooperación e Solidariedade para que ademais de poder dar axuda, sexa eficiente.
Neste momento o que nos transmiten tanto os uns como os outros é que “prégase que non se faga provisión de alimentos, mantas ou outros materiais de primeira necesidade porque as ONG que xestionan o reparto da axuda no terreo están colapsadas. Ademais, Rusia está bombardeando camións cargados con axuda humanitaria que tratan de achegarse á poboación afectada en Ucraína.”
Así mesmo, trasládannos que a prioridade máxima é saber os recursos habitacionais cos que se contan en todo o concello.
Polo tanto, todas aquelas persoas que queiran colaborar ofrecendo unha vivenda para a acollida de refuxiados, poden chamar ou acudir ao Departamento de Servicios Sociais do Concello para ofrecer a súa axuda en caso de ser necesaria.