
O Concello de Rodeiro quere invitar ás distintas xeracións do Concello a participar nun obradoiro de xogos e xoguetes tradicionais; trátase dunha actividade na que os participantes construirán xoguetes tradicionais xuntos, en familia, coa pretensión de dalos a coñecer ós máis pequenos e a súa vez servirá para mostrar a súa historia. Así mesmo, os rapaces e rapazas terán a oportunidade de mostrar os xoguetes e xogos actuais.
Este obradoiro forma parte do programa “Tecendo Lazos” do departamento de Xuventude e Cohesión Social da Deputación de Pontevedra. Este programa ofrece actividades interxeneracionais, no ámbito do lecer e tempo libre, que busca favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre as distintas xeracións da nosa comunidade.
Está dirixido a persoas maiores de 10 anos, preferentemente empadroadas en Rodeiro, podendo inscribirse de xeito conxunto persoas da mesma familia e tamén de xeito individual.
O obradoiro é gratuíto e as inscricións poderanse presentar no Servizo de Educación Familiar do Concello dende o 9 ata o 30 de outubro (ambos incluídos). A persoa de contacto é a educadora familiar. O formulario de inscrición facilitarase no propio servizo ou pode descargarse a continuación.
As actividades desenvolveranse no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” os venres de 18:00h. a 20:00h. a partires do 10 de novembro.