O Concello de Rodeiro organiza unha actividade cultural o vindeiro día 8 de outubro ás 11:00 horas na Gardería Municipal. Pablo Díaz levará a cabo unha actividade de animación á lectura baixo o título “Cantacontos para bebés”.
Pablo Díaz fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para os máis pequenos. Para conseguilo, axudarase de instrumentos como frautas ou guitarra e algún dos seus temas máis populares. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión sexan as protagonistas, e na que grandes e miúdos axuden a cantar e a entoar as melodías e retrousos.
Esta actividade forma parte do Programa Ler conta moito 2019, organizado polo Concello de Rodeiro e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.