Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, ponse en marcha o Programa de Compostaxe Doméstica no Concello de Rodeiro.
¿Qué é o compost?
O compost é un abono natural con excelentes propiedades para o solo de xardíns e hortas, xerado a partir da reciclaxe de restos orgánicos.
¿Cómo se fai?
Os materiais orgánicos xerados no fogar, como os restos de comidas e podas, son introducidos nun composteiro no cal a descomposición biolóxica destes produtos produce un abono de gran calidade.
¿ Que se precisa para facer compost?
1. Un espazo axeitado na horta ou xardín.
2. Un composteiro.
3. Residuos de cociña e do xardín.
4. Un aireador (pá, pincho, etc).
5. Unha pá para recoller o abono obtido.
6. Auga.
¿Cales son os obxectivos deste programa?
– Reciclaxe dos residuos orgánicos para producir un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
– Reducir o volume dos residuos producidos.
– Fomentar a reutilización dos materiais antes de convertelos en residuos.
– Fomentar a separación selectiva dos residuos en orixe.
¿Quen pode participar no programa de compostaxe doméstica?
Persoas que residan nunha vivenda unifamiliar con horta ou xardín e que esa vivenda sexa o seu domicilio habitual.
¿Cal é o custe de participar no programa de compostaxe doméstica?
A participación é gratuíta.
O Concello subministraralles a todos os participantes un composteiro cunha capacidade de 320 litros para que poidan elaborar o compost a partir dos residuos orgánicos.
¿Realizarase un seguimento do programa?
A técnico de medio ambiente do Concello realizará visitas ás vivendas participantes para seguir o proceso de produción de compost e resolver as dúbidas que poidan darse.
¿Cómo podo participar?
Para participar no programa podes inscribirte no Concello ou ben por mail en medioambiente@rodeiro.gal.
O formulario de inscrición está dispoñible na descarga asociada.
Dado que o número de participantes está limitado a 30, as inscricións serán atendidas por orden de entrada no rexistro municipal.
Teléfono de información: 986790009. Preguntar por Yolanda.
¿Cal é o prazo para inscribirse?
Os que estean interesados en participar poderán inscribirse do 5 ao 20 de xuño.