Obradoiro En Liña coa Igualdade

Por 23 Marzo, 2021 Novas

O Concello de Rodeiro organiza o obradoiro En liña coa igualdade, dirixido a rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos. Trátase dunha proposta socioeducativa que procura fomentar a igualdade de xénero entre a mocidade a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Esta iniciativa finánciase con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero,  ao abeiro das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

As actividades desenvolveranse os vindeiros días 29 e 30 de marzo de 2021. A fin de manter os grupos burbulla creados nos centros educativos para minimizar o risco de contaxio e cumprir coas recomendacións sanitarias establecidas en torno á COVID-19, realizarase unha sesión presencial con cada grupo de traballo correspondente a cada curso de ESO.

O proxecto estrutúrase en torno a tres áreas temáticas: o uso das redes sociais, a visión da adolescencia na rede e a visión persoal da inmediatez. A partir de ditos bloques de contido, construirase un camiño de igualdade e non violencia, traballando dende o punto de vista da atención centrada na persoa para que os/as participantes cheguen dunha maneira eminentemente práctica aos contidos sinalados, a fin de favorecer a súa interiorización.

Unha educadora social experta en igualdade, Noelia Rodríguez, será a responsable do desenvolvemento do obradoiro e para participar nos mesmos é preciso inscribirse previamente no Servizo de Educación Familiar, xa que as prazas son limitadas.