Os apartados 1 e 4 do artigo 9 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (modificada pola Lei 15/2004), do 29 de decembro, dispoñen que os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos nas condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade e que os propietarios de terras conservarán e manterán o solo natural e se é o caso a masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios, impedindo a contaminación da terra, o aire e a auga.
Recórdase a todos os propietarios de fincas urbanas, que deberán proceder á limpeza das mesmas, na maior brevidade de tempo posible, co fin de garantir as condicións de seguridade.
No caso de incumprimento das obrigas por parte dos responsables, se fose necesario, o Concello de Rodeiro poderá iniciar un expediente sancionador e un procedemento para a aprobación da correspondente orde de execución, que en caso de incumprimento pode levar aparellada a imposición de multas coercitivas de 300 a 6.000 euros, reiterables ata lograr a execución das obras precisas.