A Deputación de Pontevedra recupera este ano o proxecto Depo Aventura A Lanzada e oferta 1.540 prazas nos campamentos de verán para menores da provincia de Pontevedra nacidos entre os anos 2009 e 2014.
Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación oferta un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, o deporte, o respecto e coñecemento da natureza e a dinamización e o coñecemento multicultural da contorna. Este ano tamén están previstas actividades co fin de fomentar as vocacións científicas entre as nenas e nenos que participen nos campamentos. Cada grupo visitará a Illa de Ons e realizará unha segunda excursión relacionada coa natureza e co coidado do medio.
O programa desenvolverase entre o 26 de xuño e o 10 de setembro en 11 quendas de 7 días de duración cada unha.
O prezo desta actividade é de 110 € por neno/a e 80€ por neno/a en casos de familias numerosas ou monoparentais. Así mesmo, existen prazas gratuítas reservadas para menores en situación de risco ou exclusión social. O Concello de Rodeiro ten adxudicadas 7 prazas, das cales 2 son de inclusión.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 15 de marzo.
Toda a información sobre esta actividade e o proceso para realizar a tramitación da solicitude atópase no seguinte enlace:
https://www.depo.gal/-/depo-aventura-a-lanzada
Para aclarar dúbidas poden chamar ou acudir ao Servizo de Educación Familiar Municipal.