O clarinete baixo de Xocas Meijide, as percusións e sintetizadores de Xavier Ferreiro, os vídeos de Guillermo Aymerich e a poesía de Celso Sanmartín. Todo iso preséntase en directo este venres ás 20:30 no auditorio municipal de Rodeiro (Pontevedra), nun concerto gratuíto de ManOcas Ensamble, o nome co que se bautiza este proxecto multidisciplinar e contemporáneo, un dos máis innovadores e vangardistas da escea artística galega.
ManOcas Ensamble artéllase darredor do clarinete baixo de Xocas Meijide –un laliniense que pode presumir de ter o premio Henri Slemer, reservado para os mellores clarinetistas baixos do mundo– e a percusión e a batería de Xavier Ferreiro, alias Man –impulsor, entre outros proxectos, da discográfica de corte vanguardista Xingra–. Xuntos constrúen novos universos musicais botando man de estruturas de pezas clásicas e, ao tempo, da improvisación propia do jazz.
Aínda que só son dous músicos en escea, a eles gústalles dicir que son “moito máis ca un dúo”. O ordenador, de feito, é un membro máis de ManOcas Ensamble, unha ferramenta fundamental nas actuacións en directo, nas que a música en vivo de Man e Xocas se superpon e sincroniza con vídeos proxectados no escenario e creados polo artista multidisciplinar Guillermo Aymerich. Uns vídeos trepidantes con sons, textos e unha linguaxe propia que acentúa aínda máis o carácter experimental e contemporáneo de ManOcas Ensamble.
Os amantes do jazz, das artes electrónicas, da música contemporánea en, xeral, calquera persoa interesada na experimentación artística desfrutarán de ManOcas Ensamble. E tamén os amantes da poesía, pois os temas estará introducidos polo poeta local Celso Sanmartín, autor das notas e comentarios do último disco en solitario de Xocas Meijide, titulado Doubles e publicado en 2012.
Man e Xocas
Joaquín Meijide, máis coñecido como Xocas, é un clarinetista apaixonado da música de cámara. Ademais de tocar nas orquestras de Oviedo e Ámsterdam e formarse con posgraos en Róterdam, tamén é membro da Orquesta Sinfónica e da Filharmonía de Galicia, e adoita ser solista da Orquestra de Cámara galega. Tamén é o clarinetista da Banda Municipal da Coruña, e estrea as obras compostas polo seu director, Ricardo Grobas. Xocas é un dos fundadores do quinteto de vento Xaloc, creado en 2004 e gañador do primeiro premio de música de cámara de Link (Tilburg). En 2012 publicou o seu primeiro disco en solitario, Doubles, só para pezas de clarinete. Colabora en varios proxectos de vangarda, como a Orquesta Voland ou Vertixe Sonora.
Nacido nunha familia de músicos, Xavier Ferreiro (Man) formouse como percusionista en Colonia, Caracas e Nova York. Logo de varios anos participando en grupos de jazz, música latina e danza por todo o mundo, nos 90 comeza a formar parte da banda folk Luar na Lubre, e asóciase con Nani García (responsables, entre outras, da premiada banda sonora de ‘De profundis’) para crear a discográfica Xingra, de corte vanguardista. Compaxina a creación musical co traballo no seu estudo propio, Bruar (situado na Coruña), como músico, técnico e produtor musical.