Este martes levouse a cabo co alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de Rodeiro unha charla informativa na que se abordou a prevención das agresións sexuais e a violencia sexual entre a mocidade.
Esta actividade entra nas accións que dende a Secretaría Xeral de Igualdade se programan en colaboración coa FEGAMP dentro da rede de entidades locais contra a violencia de xénero á que pertence o noso Concello.
A persoa encargada do desenvolvemento da actividade foi María Angélica Mercado Torres, mestra especializada en xénero e igualdade.
Con esta acción pretendeuse reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións, identificar as tipoloxías de violencias sexuais, evitar ditas agresións e incidir nunha educación afectivo-sexual alternativa á pornografía.