Skip to main content
Novas

Campaña de sensibilización contra a violencia de xénero

By 16 Novembro, 2020No Comments

Esta semana, o Concello de Rodeiro pon en marcha unha campaña de sensibilización dirixida a toda a poboación, de cara a concienciar e loitar contra a lacra da violencia de xénero.

Para a realización da campaña, empregouse o cartel gañador da IX edición do concurso de “Carteis Igualitarios” realizado polo grupo O Espertador Asperelo. Segundo as palabras das persoas autoras o seu obxectivo é plasmar a situación á que se ve sometida a muller maltratada, o pozo no que se atopa e as pedras que o seu maltratador lle bota enriba e que lle impiden saír adiante. E que a sociedade debe ser consciente da problemática e debe tentar axudar ás persoas que se atopan nesta situación, facendo así no cartel uso da figura rétorica da sociedade botándolle unha man para axudarlle a saír do pozo. Xogando así tamén cas cores do branco e o negro, simulando o malo coa oscuridade e o negro que se ve todo nesa situación e a cor branca como a saída.

Recordamos que aínda está o prazo aberto ata o día 25 para participar no concurso deste ano.

Dentro da campaña de sensibilización tamén se inclúe a distribución de dípticos informativos dos recursos existentes na zona para a atención á muller que sofre malos tratos. Trátase de que a información sobre como actuar e a onde acudir chegue á maior parte da poboación de Rodeiro.

Así mesmo, as/os veciñas/os  e comerciantes que queiran expor o cartel no seu negocio, sede, etc. esta semana poden pasar polo Concello a recoller un exemplar ou chamar para que se lle entregue directamente. Tamén pode descargarse directamente para imprimir.

Descarga: Cartel 25N (pdf)