A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) lanza unha petición de axuda de emerxencia cos refuxiados saharauis debido a que as intensas choivas torrenciais que se rexistraron neste mes de outubro provocaron graves inundacións nos campamentos e destruíron máis de 4400 vivendas. Moitas familias perderon todas as súas pertenzas, incluída a pequena reserva de alimentos coa que contaban.
Consideradas as inundacións máis importantes nos últimos corenta anos, a maioría das haimas e vivendas de adobe quedaron destruídas, así coma tamén quedaron moi danadas estruturas básicas coma centros de atención sanitaria. Nestes momentos a situación é crítica dado que se precisan alimentos, medicamentos e auga potable con carácter de urxencia de cara a evitar a proliferación de enfermidades.
SOGAPS pon a disposición de toda a cidadanía que queira axudar un número de conta e dende o Concello de Rodeiro facemos un chamamento á solidariedade dos nosos veciños e veciñas con esta situación de emerxencia dado que, tal e como se indica no cartel adxunto, un pouco pode facer moito.
Nº de conta para colaborar: ES51 2080 5409 11 3040113236 (ABANCA)
Para recibir máis información contactar con SOGAPS no teléfono 986262637 ou na dirección de correo asociacionsogaps@yahoo.es