O concello de Rodeiro vai celebrar unha nova edición da súa Festa da Caza os vindeiros días 4 e 5 de febreiro. Esta festa gastronómica, que celebra xa a sétima edición, está moi vinculada ao noso concello, pois conta cunha importante presenza de caza e cazadores.
Pero definir que é a caza e qué significa ser cazador é un obxectivo tan amplo como escorregadizo. Non só é o acto de buscar ou seguir as aves e outras clases de animais para cobralos ou matalos, senón que se engade a socialización que se realiza entre os cazadores e as diversas actividades que se xeran en torno a este colectivo. Debido a isto, Rodeiro é o locus axeitado para a posta en escena da unión do home coa natureza a través da caza. O traballo de todo un ano coidando os cotos, repoboando montes con animais para que se estendan por todo o territorio, realizando as actuacións necesarias para a prevención de incendios, culmínase coa tempada de caza durante o outono.
Este evento ten unha importancia social relevante, pois supón a xuntanza dun número moi destacado de persoas amantes do mundo cinexético ou simplemente participantes nun evento turístico, gastronómico e de lecer. Queremos dar a coñecer os produtos e a gastronomía local, onde predomina a caza, e ao mesmo tempo impulsar a hostalería local e o comercio como ferramenta da promoción do noso concello.
Desde a Corporación Municipal animamos a veciños e visitantes a que participen dun xeito activo nesta celebración. Os campionatos, demostracións e exhibicións programadas xunto coa degustación de produtos de caza e a música farán que esta festa sexa axeitada para gozar dun fin de semana en Rodeiro.
Unha aperta.