Os hostaleiros e veciños interesados en coñecer máis sobre esta temática poderán participar de balde na xornada que se realizará hoxe a partir das 17h.
Continuando coa programación de diferentes actividades de formación para os profesionais que se dedican á hostalería, o Concello de Rodeiro vén de coordinar unha nova charla formativa sobre a elaboración de cócteles na que os empresarios do sector teñen a oportunidade de non quedar atrás nas últimas tendencias dun mercado en auxe no mundo da hostalería.
A formación terá lugar a partir das 17.00h na Taberna Bruxas e Coruxas, quen cede a súa infraestrutura para o desenvolvemento desta actividade. O encargado de impartila vai ser Sergio Soto, que é o Brand Ambassador Bacardí para Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca dende o ano 2009, e tratará sobre a elaboración dos cócteles máis demandados no mercado, a súa adecucación ao tipo de evento e hora do día, as técnicas de preparación e o seu servizo de maneira axeitada.