A Real Academia Galega escolleu o poeta valdeorrés Florentino Delgado Gurriarán como o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2022. Tivo en conta para isto, amais da súa obra literaria, o seu labor como defensor da nosa lingua desde o exilio americano, onde traballou arreo para que a luz da nosa cultura non se apagase tras a guerra fratricida, unha guerra que provocou a fuxida de tantos galegos e galegas que querían vivir en paz e democraticamente. Foi, por tanto, en palabras da propia institución, “un autor cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora” e “un excelente poeta e cultivador dun galego enxebre característico das terras de Valdeorras”. Esta salienta tamén o seu labor “como ponte entre a Galicia interior e a Galicia exiliada”.
A presente exposición de carteis contén un aspecto fundamental da vida ou da obra do autor Valdeorrés. Os textos de apoio, na súa maior parte poemas, reflicten a súa liña poética e o seu pensamento político.