A Concellería de Cultura e Medio Ambiente do Concello de Rodeiro solicitou unha actividade para a mocidade chamada “Consello climático xuvenil”, pertencente a un proxecto europeo organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable é o obxectivo do proxecto ‘People & Planet: un destino común’. A implicación directa da mocidade nos problemas ambientais do Concello e na súa resolución é chave neste proxecto, polo que en maio de 2021 cinco municipios, entre os que se atopa Rodeiro, porán en marcha cadanseu consello integrado por mozas e mozos de entre 15 e 34 anos que asesorarán ao goberno local nesta materia. Os Consellos Climáticos Xuvenís convértense nun instrumento e nunha oportunidade para atraer e involucrar a mocidade europea na asunción dun papel máis destacado na loita contra o cambio climático, a nivel local, nacional e global.
O público obxectivo do proxecto son as mozas e mozos de entre 15 e 35 anos. Cada Consello Climático Xuvenil reunirase unha vez ao mes, na data que mellor conveña a todas as partes, comezando en maio de 2021 e rematando en outubro de 2024. Persoal especializado encargarase de dinamizar as xuntanzas mensuais, propoñendo un tema de debate e recollendo ideas sobre estilos de vida sostibles.
Ademais, neste último ano organizarase un encontro cos grupos dos cinco concellos e, posteriormente, unha selección de participantes desprazarase a Portugal para participar nun Youthactivism Lab canda membros dos consellos dos restantes países.
Os interesados en participar poden inscribirse na Biblioteca ou chamando ao teléfono 986 79 03 01 antes do 14 de maio. Prazas limitadas.