Coma en anos anteriores, o Concello de Rodeiro desexa colaborar activamente na difusión do Programa “Vacacións en Paz 2019”. Este é un proxecto de acollida temporal que ofrece ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos e as súas fillas gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e coidados das familias acolledoras galegas, durante os meses de xullo e agosto; o cal permite que estes menores poidan disfrutar do verán sen pasar polas altas temperaturas do deserto onde se sitúan os campamentos de refuxiados e recibindo a atención sanitaria adecuada.
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) é quen desenvolve o programa en Galicia, comunidade que participa nel dende o ano 1991.
Informamos que está aberto o prazo de solicitude das familias que desexen ser acolledoras nos vindeiros meses de xullo e agosto de 2019 dun pequeno ou pequena saharauí.
Así mesmo, gustaríanos facer fincapé en animar aos veciños e veciñas de Rodeiro a interesarse por este programa dado que nos últimos anos diminuíu considerablemente o número de persoas acolledoras en Galicia, co cal moitos nenos e nenas non poden participar nesta experiencia.
Para recibir calquera información, sen compromiso, sobre como converterse en familia acolledora para este vindeiro verán, requisitos, documentación, contacto coa asociación, coñecer a experiencia de outras persoas acolledoras, etc., poden achegarse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Rodeiro.