O Concello de Rodeiro organiza unha actividade cultural o vindeiro día 9 de xullo ás 20:00 horas na Praza do parque. O ilusionista mago Marco levará a cabo un espectáculo de maxia baixo o título “Maxia para soñar”. O mago recolle a maxia en forma de luceciñas que saca das orellas e nariz dos espectadores e gárdaas nun saco. O saco, ao encherse e co peso das mesmas, ábrese e aparece unha magnífica constelación de estrelas. E isto non é máis que o comezo.
É un espectáculo sorprendente para gozar en familia, onde o ilusionista mago Marco propón unha viaxe de soño e ilusións envolta nun misterio. A proposta de Marco é a maxia clásica adaptada aos nosos tempos con aparicións, desaparicións, levitacións imposibles e o máis importante unha maxia interactiva na que o público é o grande protagonista.
Esta actividade forma parte do Programa Ler conta moito 2021, organizado polo Concello de Rodeiro e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.