O Concello de Rodeiro organiza unha actividade cultural o vindeiro día 23 de setembro ás 11:00 horas no Centro Cultural Municipal. María Canosa levará a cabo unha actividade de animación á lectura baixo o título “Contacontos para nenos e nenas”. María Canosa leva escribindo para nenos desde hai moito tempo. Ten uns corenta libros publicados e adoita facer talleres e encontros literarios polos centros educativos e outras institucións desde hai máis de quince anos.
A actividade consiste nun divertido contacontos para nenos e nenas, realizado por unha das escritoras máis recoñecidas na literatura infantil e xuvenil na actualidade. Baseado na obra da autora dirixida a público infantil, propón un contacontos onde se valora a personalidade, a diferenza que nos fai únicos e o calor necesario para converter isto nunha fortaleza. Para facelo máis divertido, o contacontos ten por protagonista un pitiño que, lonxe de ser coma os seus irmáns, xa dentro do ovo amosa as súas diferenzas. Semellaba o máis débil, pero… acabou por sorprendelos a todos!
Esta actividade forma parte do Programa Ler conta moito 2020, organizado polo Concello de Rodeiro e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.