O Concello de Rodeiro solicitoulle a Sogama 25 composteiros para realizar unha ampliación do programa de compostaxe doméstica, ao cal se adheriu no ano 2014.
Estes composteiros, que xa foron entregados por Sogama, constitúen unha cesión da empresa pública que ten por obxecto estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo. Con estes, son 130 os composteiros que Sogama cedeu ao noso concello. Remitíronse tamén manuais de autocompostaxe, que serán distribuídos, xunto cos composteiros, para que a veciñanza dispoña da información sobre a técnica a aplicar.
A compostaxe doméstica ten beneficios ambientais, económicos e sociais. Permite realizar a reciclaxe da materia orgánica in situ, mediante a súa transformación en compost, un abono natural rico en nutrientes que aporta beneficios ó solo e ás plantas.
A este programa poden adherirse todas as persoas que teñan unha vivenda no noso municipio e conten cun terreo para a colocación do composteiro.
Para a adhesión deberán solicitar a inscrición no concello ou a través do correo electrónico medioambiente@rodeiro.gal, aportando a solicitude de inscrición cumprimentada.