O primeiro tramo do Camiño de Inverno, entre o Alto do Faro (límite co Concello de Chantada) e o lugar de A Ermida, parroquia de Camba, está sendo obxecto de traballos de limpeza e mantemento por parte do persoal da brigada municipal de obras e da maquinaria da Mancomunidade Terras de Deza.
Constátase nos últimos anos un aumento progresivo do número e periodicidade do uso desta ruta por parte dos peregrinos que se dirixen cara a Santiago, afluencia que se fai máis frecuente na época estival.
Conscientes da importancia dos camiños de peregrinación para os concellos por onde discorren, nos aspectos culturais, turísticos e económicos, Rodeiro quere ofrecer ao peregrino as mellores condicións de conservación dos tramos do camiño que percorren o noso termo municipal.