Na Xunta de Goberno Local do pasado día 14 de maio acordouse o nomeamento, á proposta do Concelleiro delegado Pablo Sobrado, das seguintes persoas como membros do xurado profesional de Rodeiro de Tapas. Serán eles os que, de acordo cos mesmos criterios de valoración do público (sabor, presentación, elaboración e calidade do servizo), determinarán parte do resultado final do concurso. As persoas propostas cumplen co establecido nas bases e teñen unha especial vinculación e relevancia no mundo da hostalería.
Enrique Cobos Sampedro
Dende moi novo, Enrique desempeñou diversos postos de responsabilidade, sempre en cociña, de importantes Hoteis de Galicia e das Illas Canarias. Na época dos 90 inicia unha nova etapa, na que se dedicará a formar novos profesionais e transmitir os coñecementos adquiridos.
Roberto Bermejo González
Profesor de Formación Profesional de cociña-pastelería dende hai máis de 16 anos, Roberto é unha persoa moi activa no deseño e perfeccionamento do sistema de formación dos profesionais do sector da hostalería e o turismo. A súa experiencia profesional complétase, ademais de coa docencia, polo tempo traballado no sector privado.
D. Bruno Lovelle Fernández
Bruno é sumiller profesional. Actualmente exerce esta labor, xunto coas funcións de xerencia, para o portal web vinosacra.es. Tamén ten traballado como sumiller en Hoteis de Galicia e no seu restaurante familiar en Chantada. É un apaixoado da hostalería, razón pola se ten animado a participar en competicións como “La nariz de Oro” e no campionato de España e galego de Baristas.
D. Óscar de Toro
Oscar é un recoñecido barista que ten acadado importantes premios e contribuído á profesionalización do sector a través da realización de numerosos cursos na Comunidade Autónoma. Tamén é membro colaborador dende o ano 2011 do programa da Radio Galega “Come e Fala”, premio nacional de periodismo gastronómico Álvaro Cunqueiro.
Esta fin de semana,17 e 18 de maio, será a derradeira ruta de tapeo desta edición e os nosos hostaleiros ofrecerán ao público as dúas tapas que presentaron a concurso: unha con temática baseada na promoción dos produtos locais e outra na caza.