Skip to main content
Novas

I concurso de lendas, historias e demais contos

By 14 Decembro, 2023No Comments

O concello de Rodeiro convoca o primeiro concurso de lendas, contos e outras historias. O motivo deste concurso non é outro que fomentar a lectura e a escritura, pero ao mesmo tempo recoller as lendas e historias que as nosas avoas e avós nos contaban, ou aqueles contos nos que as mouras andaban polas casas, ou nos que os espíritos petaban nas portas, sería verdade todo isto?
Agardamos a vosa participación!

 

BASES DO I CONCURSO DE LENDAS, HISTORIAS E DEMAIS CONTOS.

Primeira.- Sobre a participación

Establécense dúas categorías ou modalidades:

  • Xuvenil: para participantes de entre 10 a 17 anos
  • Adultos: a partires dos 18 anos.

Segunda.- Sobre as características dos traballos a presentar

Os traballos que se presenten a concurso de LENDAS, HISTORIAS E DEMAIS CONTOS deberán axustarse a unha serie de características que se sinalan a continuación:

  1. Deberán ser populares e recibidas mediante a tradición oral, narradas polos avós ou familiares.
  2. Terán unha extensión máxima de cinco folios tamaño A4 e poderán conter debuxos ilustrativos.
  3. A obra deberá ter un título e asinarse cun pseudónimo que non identifique ao autor.
  4. Cada participante só poderá presentar un único traballo.

Terceira.- Sobre a presentación

Os traballos deberán entregarse de xeito presencial no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares”, ou envialos por correo á súa dirección (Rúa A, 28.- 36530 Rodeiro). Deberá conter un titulo e a identificación cun pseudónimo.

Xunto a entrega do traballo depositarase en sobre pechado a información seguinte: pseudónimo empregado; título do relato; datos persoais do autor (nome, DNI, idade, enderezo, teléfono de contacto e dirección de e-mail, se a ten). Independentemente da modalidade de envío, para os menores de idade, será necesario, ademais, o nome do pai/nai ou titor que apoie a súa candidatura cun número de teléfono de contacto.

O prazo para a presentación dos traballos finaliza o día 31 de decembro de 2023.

Cuarta.- Sobre a composición do xurado

O xurado estará composto polos seguintes membros:

Presidenta: A concelleira-delegada de Cultura.

Vogais: Dous representantes da comunidade educativa e cultural de Rodeiro designados polo Concello.

Secretario: O administrativo do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares”, con voz e sen voto.

Non poderán ser membros do xurado as persoas que manteñan un vínculo familiar ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade co algún dos participantes no concurso.

Quinta.- Sobre a valoración dos traballos e a concesión dos premios

Concederanse tres premios por cada categoría. Os sobres serán abertos polo xurado no momento de proceder á valoración dos traballos presentados. Na valoración dos traballos teranse en conta a calidade e a orixinalidade con carácter preferente. O xurado poderá deixar vacante calquera dos premios establecidos se ao seu criterio os traballos presentados non acadan o mínimo de calidade esixible. As decisións do xurado a estes efectos son inapelables.

Os premios consistirán en lotes de libros e/ou material educativo a adquirir polos premiados en establecementos de Rodeiro, coa seguinte contía económica:

– Primeiro premio: 100,00 €

– Segundo premio:  75,00 €

– Terceiro premio:    50,00 €

Non obstante, todos os participantes recibirán un diploma pola súa contribución ao concurso. Os premios e diplomas serán entregados nunha data que se anunciará previamente, en coincidencia con algunha actividade de carácter cultural programada polo Concello.

Sexta.- Sobre a utilización dos traballos presentados

Os traballos presentados serán publicados na web municipal para coñecemento xeral, se ben non se coñecerán os ganadores ata o acto de entrega dos premios.

Sétima.- Disposición adicional

A participación no concurso supón a conformidade e aceptación das presentes bases. Calquera situación non prevista nas presentes bases e a súa interpretación no caso de dúbida será resolta polo xurado.