Skip to main content
Novas

Exposición “Imaxes con Fondo”

By 21 Decembro, 2015No Comments

Dende o 15 ao 31 de decembro no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” contamos coa exposición “Imaxes con Fondo”, cedida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da cal o Concello de Rodeiro é socio.

Esta exposición é un dos resultados do concurso fotográfico que tivo lugar no ano 2012, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, con aportación da UE.

‘Imaxes con Fondo’ é unha exposición fotográfica que, ao igual que o concurso,  pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Os paneis conteñen unha ou varias fotografías acompañadas dun pequeno texto, a través do que se fai unha aposta polas condutas solidarias e respectuosas co entorno e coas persoas que nel habitan.
Os paneis tratan diferentes temáticas coma: a solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto medioambiental, o consumismo da sociedade occidental, a prostitución, a explotación laboral, as iniquidades que xera o modelo de produción actual, a crise alimentaria e as iniquidades Norte-Sur.

As imaxes que forman parte desta exposición son só unha mostra da calidade dos traballos recibidos. As fotografías foron cedidas polas súas autoras e autores para continuar, a través desta recompilación, coa misión sensibilizadora que envolveu o concurso.

A exposición poderá visitarse en horario de 09:00 a 22:00h. de luns a venres laborais.

Como actividade complementaria a esta exposición, os vindeiros días 21, 22, 28 e 29 de decembro programamos un ciclo de cine con fondo, aproveitando as vacacións de nadal dos máis pequenos/as, titulado “educando á infancia en valores”, no que se proxectará cada día unha película de animación dirixida aos nenos e nenas. Estas películas pertencen tamén ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A través desta acción o que se pretende é a educación para o desenvolvemento de actitudes e valores coma a solidariedade, a tolerancia, a paz e a defensa do medio ambiente, entre outros. Ademais, trátase de dotar ás nenas e aos nenos dos coñecementos que lles permitan promover eses valores e xerar cambios nas propias vidas e no seu entorno.