O Concello de Rodeiro organiza unha actuación de teatro a cargo da Compañía Bandullo Azúl o vindeiro venres 4 de decembro ás 20:00 horas no Centro Cultural Municipal. O espectáculo leva por título “A verdadeira historia de Robinson Crusoe”.
Baseándose na coñecida historia de Robinson Crusoe e o seu naufraxio e posterior vida nunha illa deserta, esta delirante e tola comedia daranos a coñecer máis a fondo o día a día do noso protagonista xunto co seu servinte, e tamén compañeiro e amigo, Venres. A través das actividades cotiás, Robinson tentará “colonizar” dende o seu mundo civilizado ao seu salvaxe e ignorante compañeiro Venres.
Unha mostra máis do 1º mundo por facerse dono de todo e de todos. Cociñar, xantar, a roupa, a relixión, a música, os modais… serán as ferramentas que utilice Robinson para facer de Venres un home de proveito. Pero este último resistirase ante tal “ataque” e amosaralle pouco a pouco a Robinson a importancia de ser libre, de deixarse levar polo xogo, a diversión, a contemplación… e a busca da felicidade.
Unha chea de situacións onde o “choque” de dous mundos e xeitos de ver a vida faranos rir e reflexionar sobre o realmente importante e necesario para vivir felices.
Esta actividade está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Rodeiro.