Dende o pasado día 8 ata o 20 de xaneiro contamos no Concello de Rodeiro coa exposición fotográfica Express-Arte que se pode visitar no salón de actos do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares”.
As quince fotografías que se mostran foron realizadas dende un programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero e impulsadas pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL). Dito programa buscou fomentar o empoderamento das mulleres, facilitar o seu coñecemento sobre o mundo empresarial, mostrarlles as posibilidades do autoemprego, e desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes.
Entre outras actividades cada unha das participantes escolleu unha obra pictórica feminina coa que se identificaba e foron caracterizadas como as protagonistas para posteriormente fotografalas. Por exemplo, nas imaxes podemos ver unha versión diferente de obras de arte moi coñecidas como é “La Gioconda” de Leonardo Da Vinci.
Foi cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia dentro do programa de actividades que ofertan ás entidades locais en colaboración coa FEGAMP.