Éxodus: Na procura do refuxio é a exposición que dende o 18 de outubro ata o 31 de outubro de 2016 se exhibe no centro cultural municipal “Manuel Lamazares”. Esta mostra reflicte a ollada dos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago. As fotografías, realizadas entre setembro e outubro de 2015, documentan as vivencias dos refuxiados que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa.
Europa enfróntase á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25 % eran menores e ao redor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.
O camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades; a súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz.
Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade.
En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.
Máis información no seguinte enlace: Éxodus: Na procura do refuxio