Baixo este título o Concello de Rodeiro presenta unha iniciativa para o traballo na prevención da violencia de xénero dirixida á xuventude.
Esta iniciativa finánciase con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.
O proxecto desenvolverase os vindeiros días 15, 16 e 17 de abril de 2019 no salón de actos do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” a partires das 16:00h. e está dirixido a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos.
Divídese en tres áreas temáticas: imaxe da muller nos medios de comunicación, mitos do amor romántico e sexualidade responsable.
Partindo destes bloques de contidos tratarase de construír un camiño de igualdade e non violencia, traballando dende o punto de vista da atención centrada na persoa para que os/as participantes cheguen dunha maneira eminentemente práctica aos contidos sinalados e para favorecer así a súa interiorización.
A violencia de xénero é unha lacra social que segue perpetuándose a través das xeracións e a adolescencia é unha etapa que se caracteriza polos numerosos e fortes cambios que experimentan as rapazas e os rapaces onde, entre outros, comezan as relacións de parella. Consideramos fundamental traballar con este colectivo non só para facer fronte á discriminación extrema que é a violencia de xénero, senón tamén para visibilizar outros tipos de discriminación máis sutís e que en moitos casos preceden á violencia.
Así mesmo, este proxecto da resposta a unha necesidade trasladada ao Servizo de Educación Familiar por parte de responsables da ANPA “Xulio Lois” para abordar estas temáticas co colectivo adolescente.
Unha educadora social experta en igualdade será a responsable do desenvolvemento dos obradoiros e para participar nos mesmos é preciso inscribirse no Servizo de Educación Familiar ata o vindeiro venres día 12 dado que hai límite de prazas.
Tfno de contacto: 986790009
e-mail: educadora@rodeiro.gal