Skip to main content
Novas

Campaña de sensibilización contra a violencia de xénero “Non estás soa, Denuncia”

By 19 Novembro, 2021No Comments

Esta semana o Concello de Rodeiro pon en marcha unha campaña de sensibilización dirixida a toda a poboación de cara a concienciar e loitar contra a lacra da violencia de xénero, cofinanciada pola Deputación de Pontevedra e incluída dentro das actividades do proxecto Equal-Camba 2021.

Para a realización da campaña usouse o cartel gañador da X edición do concurso de “Carteis Igualitarios” realizado polos grupos de Máisquedanza de Rodeiro. A súa mensaxe céntrase en axudar ás mulleres que están a sufrir situacións de malos tratos e non mirar para outro lado coma se non sucedese nada ou se iso non nos implicase a nós. Incidir en que sintan o apoio da comunidade para que tomen a decisión de denunciar e que ademais isto tamén está a suceder entre a poboación xuvenil e debemos visibilizalo e denuncialo abertamente.

Recordamos que aínda está o prazo aberto ata o día 25 para participar no concurso deste ano.

Dentro da campaña de sensibilización tamén se inclúe a distribución de 200 bolsas de tea coa imaxe da campaña e 300 máscaras hixiénicas reutilizables co lema da campaña, así coma dípticos informativos dos recursos existentes na zona para a atención á muller que sofre malos tratos. Trátase de que a información sobre como actuar e a onde acudir chegue á maior parte da poboación de Rodeiro.

Así mesmo, as veciñas/os  e comerciantes que queiran expor o cartel no seu negocio, sede, etc. poden pasar polo Concello a recoller un exemplar ou chamar para que se lle entregue directamente. Tamén pode descargarse directamente para imprimir.