Esta semana o Concello de Rodeiro pon en marcha unha campaña de sensibilización dirixida a toda a poboación de cara a concienciar e loitar contra a lacra da violencia de xénero.
Para a realización da campaña usouse o cartel gañador da V edición do concurso de “Carteis Igualitarios” realizado pola Asociación de Mulleres Rurais “Virxe do Faro” no ano 2015 que baixo o lema “que ninguén apague a túa luz” expresa un rexeitamento frontal de calquera tipo de violencia contra as mulleres.
Recordamos que aínda está o prazo aberto ata o día 23 para participar no concurso deste ano.
Paralelamente a esta campaña dende o programa Tardes Activas estase a traballar cos nenos e nenas participantes a través de actividades orientadas a unha educación en igualdade e á coeducación, así coma de cara á superación de estereotipos. Entendemos que a educación e a prevención dende idades temperás son piares básicos para superar esta lacra da nosa sociedade nun futuro.