A Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Rodeiro unha subvención de 5000 € para gastos correntes e de 1400€ para investimentos, solicitada a través da convocatoria de axudas básicas de emerxencia para o ano 2020 (BOPPO Nº 42 do 2 de marzo de 2020) e modificadas por Resolución Presidencial publicada no BOPPO Nº 55 do 20 de marzo de 2020.
O obxectivo de ditas axudas é o de proporcionar aos concellos de menos de 20.000 habitantes apoio económico, de maneira excepcional e extraordinaria, para poder atender as demandas de urxente e puntual necesidade da cidadanía do concello que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.
As persoas usuarias ou beneficiarias destas axudas teñen que cumprir os seguintes requisitos: persoas maiores de idade empadroadas no Concello de Rodeiro, que xestionen a súa demanda a través dos servizos sociais comunitarios do concello e que carezan de ingresos suficientes para lles facer fronte aos gastos polos que se solicita a axuda.
Daráselle prioridade a cubrir as necesidades das familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo.
Dentro da tipoloxía das axudas, contémplanse as seguintes liñas: alimentación, uso da vivenda, pagamento de recibos, pagamento de produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento de lentes e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atención de carácter complementario e axudas de apoio á infancia.
Para recibir máis información sobre este tipo de axudas e a tramitación das mesmas calquera veciño ou veciña pode dirixirse ao departamento de servizos sociais municipal antes do 30 de decembro de 2020.