A Concellería de Cultura do Concello vai programar ao longo da tempada de verán unha serie de actividades lúdicas e formativas para nenos e rapaces a desenvolver nas catro quincenas dos meses de xullo e agosto. A finalidade das actividades, ao igual que en pasadas edicións, consiste en permitir que os menores poidan gozar do seu tempo de ocio correspondente ás vacacións escolares, realizando actividades que repercutan na súa formación e aprendizaxe en diversos ámbitos da vida (deportes, hábitos saudables, relacións sociais, natureza e medio ambiente, etc.).
As principais características das actividades a programar serán as seguintes:
- As actividades desenvolveranse nas dúas quincenas do mes de xullo e nas dúas quincenas do mes de agosto. Cada quincena será obxecto dunha convocatoria específica.
- As actividades están dirixidas a nenos e rapaces de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, ambas inclusive.
- A programación desenvolverase en horario habitual de 16:00 a 20:00 horas, de luns a venres, agás festivos, e sen prexuízo dalgunha actividade puntual que requira a súa realización en horario de mañá e tarde.
- A inscrición das actividades realizarase no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” de xeito independente para cada unha das quendas. O prazo para a primeira quenda será entre os días 15 e 30 de xuño, ambos inclusive. O prazo para as sucesivas quendas comunicarase de xeito oportuno antes do inicio das cadansúas quincenas.
- Cada inscrito deberá cubrir unha folla de inscrición e aboar o correspondente prezo público, a través de ingreso bancario, antes do remate do prazo de inscrición.
- Fíxase un número mínimo de dez e un máximo de trinta inscritos para levar a cabo o programa de actividades. No suposto de producirse máis inscricións que prazas existentes, terán preferencia os menores empadroados no Concello e, entre estes, a preferencia establecerase por orde de presentación da ficha de inscrición, sempre que tiveran aboado o prezo público no prazo establecido.
- Establécese un prezo público de CORENTA EUROS (40,00 €) por inscrito para cada unha das quincenas nas que participen. No suposto de inscribirse de xeito simultáneo varios irmáns, aplicarase un prezo de 25,00 € a partires do segundo inscrito.