
Trátase dunha representación teatral que combina música e narración oral para achegar a figura de Castelao ao público actual
A obra, da compañía Limiar Teatro, percorrerá os 62 concellos da provincia durante os meses de verán
Este sábado, ás 22 horas no centro cultural municipal “Manuel Lamazares”, chegará a Rodeiro a obra ‘A lingua na boca’, no marco da programación teatral do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha obra creada especificamente para achegar, dun xeito contemporáneo e atractivo, a figura de Castelao ao público actual. Para isto, os actores Fran Núñez e Brais Iriarte botan man da música, do humor e da narración oral.
‘A lingua na boca’ parte de textos do propio Castelao combinados con historias de creación propia sobre a vida e a traxectoria do autor pontevedrés de adopción. As historias acompáñanse de temas musicais e melodías tradicionais galegas actualizadas e interpretadas en directo con diferentes instrumentos como guitarra, contrabaixo, flautas e melódica. Cunha escenografía sinxela os dous intérpretes van repasando as diferentes facetas do Castelao médico, debuxante, escritor e político, para amosarllas ao público dun xeito comprensible e suxestivo.
‘A lingua na boca’ xirará polos 62 concellos da provincia nos meses de verán, nun percorrido que comezou o pasado 1 de xullo en Ribadumia e que rematará o 3 de setembro no Rosal.
Segundo ten explicado o director da obra, Fran Núñez, trátase dun “espectáculo sobre Galicia e a súa lingua a través dunha achega contemporánea á obra de Castelao. Para nós Castelao é unha das principais figuras da historia da Galiza, porén, non é pasado, é presente e futuro. Dende esa premisa construímos un espectáculo que serve de homenaxe e de reflexión compartida sobre o seu legado, pois Castelao está máis de actualidade que nunca”.