
O Concello de Rodeiro acolle o programa +Reto Dixital, unha iniciativa impulsada e subvencionada pola Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo fomentar a dixitalización entre as persoas maiores de 50 anos. A través deste programa, promóvese a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades no acceso ás novas tecnoloxías. O programa inclúe tres cursos formativos destinados a reducir a fenda dixital e interxeracional, aproveitando as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías e facilitando a realización de trámites electrónicos cotiáns.
Os cursos que se impartirán son os seguintes:
– Manexo da app do Sergas, para aprender a solicitar citas médicas, consultar información sanitaria e utilizar os servizos dixitais do sistema público de saúde.
– Manexo de redes sociais, para iniciarse no uso de plataformas como Whatsapp, Facebook ou Instagram, favorecendo a comunicación e o contacto social.
– Manexo da app da banca electrónica, co fin de realizar operacións bancarias básicas de xeito seguro a través do móbil ou ordenador.
Cada persoa poderá inscribirse no curso ou cursos que máis lle interesen. A duración máxima de cada formación será de 5 horas, e o custo por participante será de 5 euros por curso, que se aboará directamente á empresa encargada de impartir a formación.
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición chamando ao 986 79 01 85 e preguntar por Ana ou Elena, escribindo aos correos electrónicos educadora@rodeiro.gal ou elena@rodeiro.gal, ou acudindo ás oficinas do Concello en horario de 8:00h a 14:30h.