O Concello de Rodeiro quere invitar ás distintas xeracións do Concello a participar nun obradoiro de bailes e cancións de agora e de sempre; trátase dunha actividade na que os participantes se achegarán á tradición oral e musical galega a través do coñecemento de diferentes instrumentos musicais, letras de cancións populares e músicas destas.
Este obradoiro forma parte do programa “Tecendo Lazos” do servizo de Cohesión social e Xuventude da Deputación de Pontevedra. Este programa ofrece actividades interxeneracionais, no ámbito do lecer e tempo libre, que busca favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre as distintas xeracións da nosa comunidade.
Nas persoas maiores fomentarase o envellecemento activo, que mellore a súa actividade física, cognitiva e social, e nas persoas máis novas impulsaranse as habilidades sociais e a empatía cara ao resto das xeracións.
Está dirixido a persoas maiores de 6 anos, preferentemente empadroadas en Rodeiro, podendo inscribirse de xeito conxunto persoas da mesma familia e tamén de xeito individual.
O obradoiro é gratuíto e as inscricións poderanse presentar no Rexistro do Concello dende o 9 de setembro ata o 8 de outubro. As persoas de contacto son Elena, educadora social e Ana, educadora familiar. O formulario de inscrición facilitarase no propio concello ou pode descargarse a continuación.
As actividades desenvolveranse no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” os luns de 17:00h. a 19:00h. a partires do 21 de outubro.