Mago Teto presenta “Novas tolemaxias”

Por 1 Setembro, 2020 Novas

O Concello de Rodeiro organiza unha nova actividade cultural a cargo do Mago Teto o vindeiro venres 4 de setembro ás 20:00 horas na Praza do Parque. Presenta o seu espectáculo de maxia “Novas tolemaxias”.

¨Novas tolemaxias” do Mago Teto é un espectáculo onde o mago intenta facer realidade os seus soños. Son unha serie de ilusións na busca de ofrecer algo máis que unha serie de trucos, buscan chegar ás emocións dos asistentes. Alianzas que desaparecen para aparecer nos sitios mais insólitos, adiviñacións de soños, coitelos que poñen en perigo a vida dos espectadores…ademais de ter a oportunidade de coñecer a “Leti”, a única serpe do mundo capaz de adiviñar cartas, e Viscobich, un coello moi máxico. E tamén poderás descubrir números de maxia de cerca gracias á incorporación dunha pantalla de 4×3 metros no show. O final do espectáculo é unha homenaxe a Houdini, o rei do escapismo e as evasións, no cal Teto realizará un perigoso número de escapismo. Un espectáculo recomendado para todos os públicos.

Esta actividade pertence ao Programa Cultura no camiño 2020 organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Rodeiro e pola AGADIC da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.