Na sesión extraordinaria do Pleno do Concello, convocada a instancia dos concelleiros Sres. Vence Deza, García Deza e Hermida Cidre, e celebrada no día de hoxe na Casa do Concello, aprobouse a emenda presentada polo grupo municipal do Partido Popular, pola maioría de cinco votos a favor (grupo municipal do Partido Popular, co voto de calidade do Sr. alcalde), cinco en contra (grupo municipal socialista e Sr. Hermida Cidre) e unha abstención (Sr. Salgado González) e, na súa virtude, adoptáronse os seguintes acordos :
Primeiro.- Trasladar á Xunta de Galicia a fonda preocupación dos veciños do Concello de Rodeiro polo proxecto de instalación dunha planta incineradora de residuos promovida pola empresa Estela Eólica S.L. no próximo Concello do Irixo (Ourense), por mor dos eventuais riscos que unha instalación de ditas características puidera producir na saúde das persoas, no medio rural e na protección do medio ambiente.
Segundo.- Solicitar da Xunta de Galicia que inste á empresa Estela Eólica S.L. a estudar outras localizacións alternativas que minimicen a súa afectación a zonas poboadas e ao desenvolvemento da agricultura e gandería, fundamentais no desenvolvemento deste concello e comarca.
Terceiro.- No suposto que se manteña a ubicación proposta, demandar da Administración Autonómica un control exhaustivo no cumprimento da normativa sanitaria e ambiental en todo o proceso derivado do establecemento da instalación proxectada, así como durante todo o período de funcionamento desta, extremando a vixilancia no axeitado cumprimento de todos os requirimentos técnicos e legais esixibles, ao obxecto de garantir a non afectación da instalación á saúde das persoas e ao medio ambiente.