A violencia contra a muller non é un feito illado que afecta ao ámbito privado e familiar, senón que é un problema social que nos afecta a todos e todas. Por iso é fundamental que o conxunto da nosa sociedade se comprometa a axudar a erradicar esta violencia centrada na muller polo simple feito de selo. Cremos fundamental denunciar as situacións de violencia, apoiar ás vítimas a tódolos niveis e educar en valores e condutas igualitarias. Só así conseguiremos superar esta lacra da nosa comunidade, que non só afecta ás mulleres, senón que tamén afecta a miles de nenos e nenas no noso país vítimas de violencia de xénero. Durante o que levamos de ano 4 deles morreron e decenas quedaron orfos.
Por todo isto, dende o Concello de Rodeiro, manifestamos publicamente a nosa condena e repulsa ante calquera forma de violencia machista, así como tamén queremos expresar a nosa solidariedade coas vítimas e familiares das mesmas. Así mesmo, reiteramos o compromiso por traballar día a día na loita contra a violencia de xénero e dende aquí facemos un chamamento a tódolos veciños e veciñas de Rodeiro para que denuncien os malos tratos, para que apoien ás vítimas de forma incondicional e para que aposten e practiquen unha educación en igualdade.